A tempada 2024/25 de Rugby XV está entrando na súa fase decisiva para o Mareantes Rugby Club de Pontevedra, e faino coa forza que caracteriza a esta familia rugbística que nunca deixa de medrar nin de soñar.
O pasado sábado vivimos unha auténtica batalla deportiva en Monteporreiro, onde o noso equipo M16 recibiu aos compañeiros do Vigo Rugby Club. Foi un partido intenso, disputado baixo o sol pontevedrés, cheo de entrega e de emoción. Os nosos rapaces demostraron carácter, potencia e, sobre todo, unha evolución constante. Están nun momento crucial da súa formación como xogadores e como persoas, e ver como melloran partido tras partido é, sen dúbida, o mellor resultado que podemos ter. A vitoria foi para os blanquinegros, e agora afrontamos con ilusión o último partido desta segunda fase, antes das semifinais que se xogarán en casa a finais de mes.
Pola súa banda, o equipo M18, na súa segunda tempada na categoría, xa asegurou o pase á gran final, que se celebrará na fin de semana do 22 de marzo. Un fito que nos enche de orgullo e que reafirma o traballo ben feito por xogadores, adestradores e familias.
Pero hai máis boas novas: tanto o M16 como o M18 están inscritos para representar ao club no Torneo Nacional de Rugby en Valladolid no mes de maio, unha cita que será o broche de ouro para a tempada e unha experiencia inesquecible para os nosos xogadores.
E se algo nos emocionou especialmente esta semana foi ver a Manucho, xogador M18 que sufrira unha grave lesión a comezos da tempada, volver adestrar cos seus compañeiros. Foi un momento cargado de simbolismo, forza e esperanza. Manucho é exemplo da resistencia e da unión que define ao Mareantes. Iso cúrao todo.
Agora é o momento perfecto para achegarse ao rugby, para probar un deporte que forma en valores, en equipo e en paixón. Se queres formar parte desta familia, chama ao 609 347 446.
Quen chega antes? Mareantes.
🌐 www.mareantespontevedrarugby.es
#animomanucho #enceplansocialpontevedra #mareantesrc #rugbypontevedra #formandoequipo